O III Certame de Intérpretes Mozos “Hernán Naval”, que este ano se celebra os días 4 e 5 de xuño, quere seguir sendo un referente da música a nivel comarcal e autonómico. Unha oportunidade para mozas e mozos de diferentes puntos de Galicia, do conxunto do Estado ou incluso Portugal que queiran amosar as súas destrezas musicais nunha vila ben chegada, dende sempre, ao mundo da música.
Trátase dun xeito de facilitar ás e aos intérpretes participantes a posibilidade de actuar nun auditorio e diante dun xurado formado por grandes nomes da música co obxectivo de que podan amosar o traballo realizado ao longo da súa carreira musical. Un xeito de recoñecer o seu esforzo e de posibilitarlles o contacto con profesionais do mundo da música e con outros mozos e mozas de maneira que sexa posíbel intercambiar experiencias ao longo da súa estancia en Ribadeo.
Outro dos obxectivos deste III Certame de Intérpretes Mozos “Hernán Naval” é achegar a figura de Hernán, o seu traballo e a súa filosofía musical máis aló de Ribadeo e a comarca da Mariña, a mozas e mozos que encamiñan a súa vida cara o mundo da música.
O III Certame de Intérpretes Mozos “Hernán Naval” conta co apoio e colaboración das seguintes entidades e institucións:
Banda Municipal de Ribadeo – Asociación Amadores da Música
Excmo. Concello de Ribadeo – Delegación de Cultura
Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo
Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo



